Un pequeno achegamento á embarcación DORNA
Sobre a orixe da dorna non imos debater aquí. Moitas son as teses sobre
este tema: desde as orixes nórdicas duns ata a influencia das embarcacións mediterráneas, pasando polas similitudes con
embarcacións da chamada área cultural celta.
Pero... por que non podemos pensar que á dorna é unha embarcación
orixinariamente galega, o que non exclúe a importancia das influencias e
achegas recibidas polo contacto con outras culturas, como defende o noso
primeiro presidente Santiago Páramo no seu estudio sobre as dornas?
... Por que os nomes dos costados son específicos das dornas: arca ou meo para babor e couso para estribor, que ben puideron
ser tomados de puntos xeográficos da boca da ría como a punta da Arca ou Couso
en Aguiño?
... Non será quizais que nunha área determinada, o remate da península do
Barbanza na ribeira norte da ría de Arousa, nunha época imprecisa desenvolveuse
un tipo de embarcación propia que acabou estendéndose polo litoral das Rías
Baixas?
... O nome definitorio de “dorna carreirana” non terá que ver co berce da
súa orixe?
O que é indiscutible é que a dorna é a embarcación máis representativa da
Nosa Terra.
A construción tradicional das dornas consiste nunha técnica chamada tingladillo que na ribeira norte da ría
de Arousa coñécese como de calime.
Este consiste na superposición das táboas do casco como se fosen tellas, sendo
isto unhas dos grandes sinais de identidade das dornas.
O tamaño dunha dorna determina tamén o tipo da mesma e o tamaño mídese por cuartas de quilla, equivalendo esta a
21 centímetros.
O tipo de dorna ven definido polo seu tamaño, que está determinado polas
artes de pesca e traballos no mar ó que son destinadas. Tradicionalmente, tres
tipos de dorna son subliñados: polbeira, trasmalleira e xeiteira.
A polbeira é a máis pequena das
dornas, estando as súas medidas ó redor das 7 ou 8 cuartas de quilla. A súa
actividade vai dirixida á pesca do polbo, a pesca de liña ou a colleita da
ameixa e a súa actividade realízase nas augas interiores da ría. Pode ser
tripulada por un só mariñeiro.
A trasmalleira, ocupa un tamaño
intermedio entre a polbeira e a xeiteira e empregábase para a pesca con
trasmallos, liñas e palangres.
A xeiteira, é a maior das
dornas(máis de doce cuartas) e a que maior tripulación precisaba, sendo a súa
arte de pesca, o xeito. Está deseñada para navegar en mar aberto, máis aló da
boca da ría na procura dos bancos de sardiña. A súa tripulación podía estar
composta por media ducia de mariñeiros.
As dornas tradicionais van aparelladas con vela “ó terzo” ou de relinga. O
emprego dos remos na propulsión presenta a característica voga cruzada que
permita a un mariñeiro pescar coa liña e facer as manobras pertinentes ó mesmo
tempo.
Podemos observar outra diferenza tipolóxica nas dornas, entre as dornas
carreiranas e mecas, atendendo ó lanzamento da proa destas últimas, sendo
propias do litoral do Grove.
Coa introdución do motor e as novas innovacións técnolóxicas motivaron que
os carpinteiros de ribeira fosen adaptando as dornas ás novas necesidades
suscitadas, adaptando a embarcación en función dos usos e necesidades das súas
actividades. Por exemplo, a aparición da dorna
de tope, unha variante construtiva da tradicional dorna de calime que
presenta un forro liso, levando as xuntas das táboas da obra viva unidas a tope.
Unha bibliografía para achegarse ó
mundo das dornas e das embarcacións tradicionais:
Mörling, Staffan. As embarcacións
tradicionais de Galicia (Ed. Consellería de Pesca, 1989)
Mörling, Staffan. “Lanchas e dornas: a estabilidade cultural e morfoloxía
das embarcacións na costa occidental de Galicia” (Consellería de Pesca, 2005)
Páramo Aller, Santiago. “As dornas. No marisqueo e na pesca artesanal na
Arousa Norte” (Consellería de Pesca, 1991)
Lourenzo Fernández, Xaquín. “As dornas de Porto do Son” (Revista Nós nº
126-127, 1934)
Fariña Bustos, Francisco. “Sobre el origen histórico de la dorna”. (Boletín
Auriense, tomo V, 1975)
Massó y García-Figueroa, J. Mª. “Barcos en Galicia de la prehistoria hasta
hoy y del Miño al Finisterre” (Deputación de Pontevedra, 1982)