O TEMPO

.................................................................................................................................................................................................O TEMPO

MAREAS E LUAS

............................................................................................................................................................................................MAREAS E LUA

RADAR CHUVIA

............................................................................................................................................................................................RADAR CHUVIA

you tube

................................................................................CANAL YOUTUBE DA ESCOLA DE VELA

mi canal youtube

............................................................................

lunes, 13 de octubre de 2014

BOTADURA DA JALERNA....NAS LETRAS GALEGAS DO 1997(video)
























Archivo histórico da botadura da JALERNA alá polo año 1997 de nuestro señor. O buque insignia das "xeiteiras" da ReI COFRADÍA DA DORNA pasou a formar parte do patrimonio da asociación cultural e da escola de vela, xunto as demaís que actualmente conforman o parque tradicional da escola de vela: VIRXE DO CARMEN, JALERNA e NAI. 


No video podemos comprobar a cantidade de xente que antes se xuntaba o carón das embarcacións da asociación, pero por desgraza a maioría quedouse polo camiño.
Moitos continuamos, hoxe en día, co traballo da escola de vela e ó coidado e mantemento do patrimonio cultural da asociación, o único patrimonio cultural que ten e que por estatutos debe preservar e promocionar.

Tódalas dornas foron en representación da asociación desde os primeiros encontros de embarcacións tradicionais celebrado en Ribeira e ata o día de hoxe, incluso na lonxanía da bretaña navegamos nos encontros a nivel continental, representando á nosa asociación. Nun desos encontros bretóns escomenzaron as primeiras conversas para o que hoxe en día son os encontros de embarcacións tradicionais e a federación galega pola cultura marítima, sendo a nosa asociación un dos miembros fundadores....pero ésto e outra historia que deberá ser contada no seu intre.



PARA VER O VIDEO EN HD E RECUPERAR CALIDADE DE IMAXE DEBIDO Á ANTIGÜEDADE DO MESMO, CANDO  PULSEDES O PLAY , NA PARTE DE ABAIXO DA DEREITA SÁLEVOS Ó LADO DE "YOUTUBE" UNHA RODIÑA . PULSADES NELA E PODEDES CAMBIAR A 720HD DONDE PON "CALIDAD"

viernes, 3 de octubre de 2014

UN POUCO DE TEORÍA DAS DORNAS..




Un pequeno achegamento á embarcación DORNA
Sobre a orixe da dorna non imos debater aquí. Moitas son as teses sobre este tema: desde as orixes nórdicas duns ata a influencia das embarcacións  mediterráneas, pasando polas similitudes con embarcacións da chamada área cultural celta.
Pero... por que non podemos pensar que á dorna é unha embarcación orixinariamente galega, o que non exclúe a importancia das influencias e achegas recibidas polo contacto con outras culturas, como defende o noso primeiro presidente Santiago Páramo no seu estudio sobre as dornas?

... Por que os nomes dos costados son específicos das dornas: arca ou meo para babor e couso para estribor, que ben puideron ser tomados de puntos xeográficos da boca da ría como a punta da Arca ou Couso en Aguiño?

... Non será quizais que nunha área determinada, o remate da península do Barbanza na ribeira norte da ría de Arousa, nunha época imprecisa desenvolveuse un tipo de embarcación propia que acabou estendéndose polo litoral das Rías Baixas?

... O nome definitorio de “dorna carreirana” non terá que ver co berce da súa orixe?
O que é indiscutible é que a dorna é a embarcación máis representativa da Nosa Terra.
A construción tradicional das dornas consiste nunha técnica chamada tingladillo que na ribeira norte da ría de Arousa coñécese como de calime. Este consiste na superposición das táboas do casco como se fosen tellas, sendo isto unhas dos grandes sinais de identidade das dornas.



O tamaño dunha dorna determina tamén o tipo da mesma e o tamaño mídese por cuartas de quilla, equivalendo esta a 21 centímetros.
O tipo de dorna ven definido polo seu tamaño, que está determinado polas artes de pesca e traballos no mar ó que son destinadas. Tradicionalmente, tres tipos de dorna son subliñados: polbeira, trasmalleira e xeiteira.

A polbeira é a máis pequena das dornas, estando as súas medidas ó redor das 7 ou 8 cuartas de quilla. A súa actividade vai dirixida á pesca do polbo, a pesca de liña ou a colleita da ameixa e a súa actividade realízase nas augas interiores da ría. Pode ser tripulada por un só mariñeiro.

A trasmalleira, ocupa un tamaño intermedio entre a polbeira e a xeiteira e empregábase para a pesca con trasmallos, liñas e palangres.

A xeiteira, é a maior das dornas(máis de doce cuartas) e a que maior tripulación precisaba, sendo a súa arte de pesca, o xeito. Está deseñada para navegar en mar aberto, máis aló da boca da ría na procura dos bancos de sardiña. A súa tripulación podía estar composta por media ducia de mariñeiros.

As dornas tradicionais van aparelladas con vela “ó terzo” ou de relinga. O emprego dos remos na propulsión presenta a característica voga cruzada que permita a un mariñeiro pescar coa liña e facer as manobras pertinentes ó mesmo tempo.

Podemos observar outra diferenza tipolóxica nas dornas, entre as dornas carreiranas e mecas, atendendo ó lanzamento da proa destas últimas, sendo propias do litoral do Grove.
Coa introdución do motor e as novas innovacións técnolóxicas motivaron que os carpinteiros de ribeira fosen adaptando as dornas ás novas necesidades suscitadas, adaptando a embarcación en función dos usos e necesidades das súas actividades. Por exemplo, a aparición da dorna de tope, unha variante construtiva da tradicional dorna de calime que presenta un forro liso, levando as xuntas das táboas da obra viva unidas a tope.



Unha bibliografía para achegarse ó mundo das dornas e das embarcacións tradicionais:
Mörling, Staffan.  As embarcacións tradicionais de Galicia (Ed. Consellería de Pesca, 1989)

Mörling, Staffan. “Lanchas e dornas: a estabilidade cultural e morfoloxía das embarcacións na costa occidental de Galicia” (Consellería de Pesca, 2005)

Páramo Aller, Santiago. “As dornas. No marisqueo e na pesca artesanal na Arousa Norte” (Consellería de Pesca, 1991)

Lourenzo Fernández, Xaquín. “As dornas de Porto do Son” (Revista Nós nº 126-127, 1934)
Fariña Bustos, Francisco. “Sobre el origen histórico de la dorna”. (Boletín Auriense, tomo V, 1975)


Massó y García-Figueroa, J. Mª. “Barcos en Galicia de la prehistoria hasta hoy y del Miño al Finisterre” (Deputación de Pontevedra, 1982)

jueves, 25 de septiembre de 2014

OFRESIDOS Ó NASARENO.....
























CUADERNO DE BITÁCORA: (VIDEO ABAIXO)
Asalto ó Nazareno 2014.
(traducción al "jallejo da ría")

Penúltimo fin de semana do mes de Setembro. Tíñamos ofresida á escola de vela ó Nasareno e había que cumplir. Sufrimos durante a semana o primeiro temporal pre-otoñal con ventos do cuadrante SO moi duros e imposibles para a vela tradisional. A medida que morría a semana, as predicsións meteorolóxicas daban a expirasión do mesmo para o fin de semana. Falamos con varios "miembros" da escola de vela e fóronse dando de baixa asercándonos á fecha. Os últimos en irse pola pata abaixo debido a forsa do vento previsto (12-14 nudos), foron o capitán Jalo e o capitán Broncas que preferiron ir de tabernas que asaltar o Nasareno, os anos non perdonan. Quedábamos os 3 únicos ajerridos e intrépidos mariñeiros da escola de vela capases de loitar e venser o temporal reinante, capitán Estachas, capitán Madero e contramaestre Vito.


Quedamos o sábado as 15:30h na nosa fanequeira autorisada, o Bahía, donde repuxemos forsas e inxerimos líquidos para evitar a deshidratasión e lidiar ca xeira que nos esperaba. Capitán Madero veuse arriba e quería salir con todo o trapo da dorna "NAI", pero o capitán Estachas escupindo sapos pola boca oblijounos a meter risos na maior que redusían drásticamente a capasidá da vela canjrexa. Ó virar a punta do muelle de Riveira e despois de levar por diante aljún aparello de pesca das cañas que alí estaban a pescar, puxemos rumbo a la Puebla para asistir á sita co Nasareno. O vento era bo, mar de fondo de direcsión O-SO que entraba dentro da ría  desde a costa, cousa habitual cando os mares veñen con direcsión portujesa, formando ondas xeitosas que xunto co vento reinante e a mar risada, fasían a xeira divertida e dinámica. Fixemos a maioría da xeira nun larjo, tendo no último tramo unha boa empopada. O vento foi amainando como nos daban os partes de internete ¿Qué é eso de mirar o tempo no periódico? Así pasan os carallos que pasan ¿ Verdá capitán Madero? la prensa la carga el diablo jajajaja. Arribamos ó puerto da Puebla un par de horas despois e cumplimos co ofresimento da escola de vela, tomando unha bebida espirituosa para selebrar a asaña. 
Despois de recuperar líquidos volvemos embarcar na dorna "NAI" para faser o traxecto de volta, xa con vento moito mais calmado e con cambio de cuadrante, polo que na mitá do rejreso tuvemos que ensender o "forestroker" e ir janando barlovento (navejasión preferida de capitán Broncas) e chejar cas derradeiras luses do solpor ó porto de Riveira. 
Que bonita Santa Eugenia de Riveira con sus luces recibiéndonos y la dársena llena de lixo.

20/09/2014



 DESPOIS DE DAR A PLAY, NA RODA PODES (^) CAMBIAR A HD720

sábado, 20 de septiembre de 2014

HISTORIA DA ESCOLA DE VELA...





























A ESCOLA DE VELA da Real e Ilustre COFRADÍA DA DORNA

Para explicar a creación da Escola de Vela da Real e Ilustre Cofradía da Dorna hai que remitirnos á constitución en Ribeira da Asociación Cultural “Real e Ilustre Cofradía da Dorna” un 28 de decembro de 1990 e a creación dos seus estatutos fundacionais que textualmente dicen:
Art. 2 O fin principal desta asociación será a organización e celebración da FESTA DA DORNA (24 de xullo), así como a organización de todo tipo de actos culturais, medioambientais e formativos relacionados co mar, as actividades mariñeiras e a exaltación, recuperación e promoción da embarcación típica da ría de Arousa chamada DORNA.
Tendo este obxectivo primordial como punto de partida, a Real e Ilustre Cofradía da Dorna traballou a reo desde os seus inicios na procura do mesmo. Na súa labor de recuperación a R. e I. Cofradía da Dorna iniciou un proceso de documentación e busca de financiamento que converxeu no proxecto de recuperación da dorna xeiteira, noutros tempos embarcación senlleira das nosas costas e que terminou desaparecendo baixo os procesos de modernización da flota pesqueira galega.

Ese pulo callou na construción dunha dorna xeiteira na carpintería de ribeira de Domingos Ayaso en Aguiño. Deste xeito, botouse ó mar a dorna xeiteira bautizada co nome provisional de “Xacobeo 93”. O motivo deste nome foi o patrocinio da Xunta de Galicia xa que a nosa dorna representou a Galicia na primeira festa marítima de Brest no ano 1992, xunto a un pequeno grupo de embarcacións galegas.  
Posteriormente sería bautizada co nome de “VIRXE DO CARME” seguindo a tradición establecida nos primeiros anos de celebración da “Festa da Dorna”.
Loxicamente a botadura da “Virxe do Carme”, levaba consigo a creación dunha Escola de Vela, como así se fixo.

A Real e Ilustre Cofradía da Dorna participou na primeira edición da Festa Marítima de Brest en 1992 como quedou dito e alí os homes e mulleres da Cofradía da Dorna reuniron unha información moi importante e fixeron contactos moi proveitosos con mariñeiros e asociacións do ámbito da cultura marítima do Atlántico europeo. Aquela participación foi determinante no futuro da nosa asociación e dos representantes da cultura mariñeira galega: á volta de Brest un pequeno grupo de asociacións constituímos a Federación Galega pola Cultura Marítima (FGCM).

Toda aquela emoción e paixón deu como froito, algo que co paso do tempo, é un fito na defensa da cultura mariñeira e do tecido patrimonial que gravita arredor dela: os Encontros de Embarcacións Tradicionais de Galicia. Para nós, a Real e Ilustre Cofradía da Dorna, é un profundo orgullo ter sido os primeiros organizadores deste evento que vai moito máis alá dunha xuntanza de embarcacións. Aquel I Encontro celebrouse no porto de Ribeira no ano 1993. O resto é unha fermosa historia construída polo traballo e paixón de moitos homes e mulleres que aman a nosa cultura mariñeira e que cada dous anos fan máis grandes e importantes os Encontros de Embarcacións Tradicionais de Galicia.
A Escola de Vela da Real e Ilustre Cofradía da Dorna é participante habitual das actividades organizadas pola FGCMF ou das súas asociacións integrantes. Entre esas presenzas subliñamos as máis importantes sen desmerecer outras nas que participamos:
Festa Marítima de BREST (celébrase neste porto da Bretaña cada catro anos): 1992, 1996, 2000, 2004, 2008

Encontros de Embarcacións Tradicionais de Galicia: Ribeira (1993), Coruxo (1995), O Grove (1997), Rianxo (1999), Combarro (2001), Illa de Arousa (2003), Cambados (2005), Ferrol (2007), Muros (2009), Carril (2011), O Freixo (2013), tendo no horizonte Cabo de Cruz (2015)
I Regata de Velas Cangrexas-II Premio AGABACE no Cabo de Cruz (2014)
IV Xuntanza de Embarcacións Tradicionais Deputación de Pontevedra en Punta Moreiras-O Grove (2014)


A Escola de Vela organiza singladuras pola ría de Arousa de marcado contido antropolóxico e cultural (entendendo a gastronomía e a enoloxía como parte integrante destes conceptos), visitando os portos da ría en navegacións que se combinan co lúdico e o festivo. Como mostra deste xeito de entender a navegación en dorna, a “NAI” leva máis de dez anos amarrando no porto de Rianxo para celebrar cos nosos irmáns rianxeiros a festa da Guadalupe, cando o tempo o permite. As nosas dornas visitan con asiduidade, fundamentalmente, os portos arousáns e non é estraño ve-las amarradas nos peiraos de Vilagarcía, A Illa, A Pobra do Caramiñal ou Palmeira, onde sempre atopamos xente coma nós, apaixonada das embarcacións tradicionais e da nosa cultura marítima.

miércoles, 17 de septiembre de 2014

HOMENAXE Ó CREADOR DO NOSO PATRIMONIO, AS DORNAS...



“A Domingos Ayaso, mestre de dornas”

Desde pequenos temos fascinación polo mar: piratas, illas do tesouro, baleas brancas, viaxes submarinas… historias de navegación e aventura.
Xogamos con pequenos paus, ou calquera outro material que flote, a navegar en regatos ou pozas. Construímos barcos de papel… construímos barcos na nosa inocencia…
Retírase Domingos Ayaso. Aparca as súas ferramentas o carpinteiro de Aguiño. O home que construíu todas as dornas da Cofradía da Dorna, o carpinteiro que as reparou e “curou dos seus achaques”, colle o seu merecido descanso. Toda a vida traballando desde neno, ben o merece.
A primeira vez que se pisa a carpintería de Ayaso en Aguiño, supoñemos que se ten a mesma impresión que ao pisar calquera outra, atopamos serraduras espalladas polo chan, espiras de labras de madeira por todas partes e cepillos e lapis de carpinteiro… e ferramentas estrañas propias do oficio como a aixola.
Pero na de Domingos, como nas poucas carpinterías de dornas que quedan no noso litoral, o que máis chama a atención son as “plantillas da dorna”. Eses modelos que van pasando de pais a fillos, de xeración en xeración, esa transmisión de saberes construtivos que fixeron que a nosa máis emblemática embarcación non caera no esquecemento. Elas forman parte das ensinanzas dos antigos construtores que aínda manteñen viva a dorna: algo máis que unha embarcación.
Hoxe en día os nosos fillos non escoitaron “cantar” un carro de bois porque nunca viron un. Faltan poucos días para que só nun documental o poidan facer, para que só nun museo poidan ver un carro. Imaxes e sons dun pasado borrados da memoria por un futuro distinto.
Fai un tempo unha enxeñeira naval comentou nunha conversa informal na Festa da Dorna porque nos aferrabamos de maneira estúpida á madeira na construción de barcos…. E quen o sabe. Quizais porque somos uns románticos que navegamos contra corrente, que soñamos con formar parte da vella cadea de transmisión dos saberes da nosa tradición mariñeira.
Non queremos que a dorna sexa só un obxecto de museo.
O lince é un animal en perigo de extinción. E hoxe hai máis linces que carpinteiros de ribeira. Cada vez quedan menos Domingos…
Máis que un oficio, a carpintería de ribeira é un legado cultural. Os carpinteiros retíranse pero deixan o seu legado que merece ser conservado e transmitido. Nós temos un deber, manter as dornas que Domingos Ayaso fixo para a Real e Ilustre Cofradía da Dorna para os nosos sucesores. Esa é a nosa función, a nosa razón de ser: a pervivencia do legado cultural para as xeracións que teñen que vir.
Domingos xa non construirá novas dornas para a Cofradía da Dorna e sentímonos un pouco orfos.
Fomos ficando sós,
o mar, o barco e máis nós”
Pero trataremos que nos días que virán, as xentes continúen a gozar da súa fasquía navegando a vela polos nosos mares. Que non esquezan o nome do carpinteiro:
Aquelas dornas son dornas de Domingos Ayaso… o carpinteiro de Aguiño”. Esa vai ser a mellor das nosas homenaxes para Domingos, o noso mestre de dornas…
Si miña señora á i-alba de Arousa beilar,
poñereille, belida, un ventiño no mar…
¡A dorna vai e ven,

que meu amor ten!”

viernes, 12 de septiembre de 2014

ÁLBUM DAS DORNAS DA ASOCIACIÓN & ESCOLA DE VELA....

DORNA TRASMALLEIRA "ARROUTADA"





















DORNA POLBEIRA "CABUXIÑA"
















DORNA XEITEIRA "JALERNA"



































DORNA XEITEIRA "VIRXEN DO CARMEN"















































DORNA "NAI"





































ASALTO HISTÓRICO Á PONTE NAFONSO DA DORNA "NAI" EN XULLO DE 2013